28 de novembro de 2012. A capeliña do Porto do Santo. 43 kms.

VER ESTA RUTA EN WIKILOC

Hoxe fixemos unha rutiña con poucas cousas salientables, buscamos algúns camiños pola zona norte, na marxe esquerda da autoestrada.

O día naceu frio e de cando en vez caíron escasísimas gotas de auga. A convocatoria resultou con pouco éxito, e só dúas unidades iniciamos a ruta pola Xunqueira para tomar dirección Campañó. Hai que recoñecer que iamos hoxe un pouco dormidos, as numerosas estradas e camiños que hai polo lugar non están aínda ben gravados nas nosas testas. Así pois, mais ben por intuición que por convencimento fomos chegando á Bretoña, facendo un innecesario sube-baixa á ladeira do Castrove, aínda así a perda non foi moita. Antes do Hipódromo contemplamos os muiños restaurados en Piñeiro:

Cruzamos a estrada de Vilagarcía para buscar camiños paralelos á autoestrada, esta vez pola marxe esquerda, ata pasar a peaxe que desemboca no polígono industrial fantasma que mais ben parece un deserto.

Hoxe o día foi de pistas e estradiñas desertas, sen moito valor paisaxístico.

Unha vez chegados ó concello de Meis, rodeamos ó monte das Penizas para descender ata unha aldea que ten un nome curioso “Ladrido”, comprobei que existe outra aldea a carón da mesma que se chama simplesmente “Ai”.  Poucos lugares debe haber que se designen somentes con dúas letras.

Rozamos levemente o monte da Cabada, no punto onde se xuntan os concellos de Portas, Meis e Barro, para seguir un pouquiño máis adiante ata a humildísima Capela de San Xosé, tan recatadiña é que non tén campá, e a tella é de cemento.

Na capela está inxertado un galpón de uralita, típical galician,…

Nesta estampa rural galega, de poboación dispersa solo destaca algúnha que outra rocha…

Nunha  casa a carón atopamos un modelo de buzón de correos de diseño….

Despois de apreciar unha vista da aldea,cruzamos a autoestrada para iniciar o regreso pola coñecida ruta ata San Amaro, para continuar polo Camiño de Santiago ata Pontevedra.

Advertencia: Nada mais cruzar a autoestrada por unha ponte chegaredes a un lugar chamado desafortunadamente “Vila de Amigo”. Nos chamámoslle a casa do xudío, porque nunha chimenea aparece unhas estrelas de seis puntas. Esa propiedad irrumpe na vía de servicio da autoestrada, e un par de cans xigantescos impiden o paso, non presentandose precisamente como amigos. Un deles mesmo nos persegiu uns  centenares de metros, a pesares de que dimos un pequeno rodeo para evita-lo perigo.

Non perdades o  monte de Vilaverde, na Portela  hai uns belos pinares cheos de cogumelos.

22 de novembro de 2012. Camiños esquecidos do Rañadoiro. 38 kms

Camiño esquecido que xa non vai a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnales, que se perde na boca moura dunha congostra.                            

                                                                                  Castelao. Cousas.

 

 

VER ESTA RUTA EN WIKILOC

 

 Seguimos á pescuda de novos vieiros para completar o mapa físico-político-mental da nosa comarca. Xa pouco vai quedando, máis as veces parece mesmo que canto máis sabemos máis ignoramos. Por cada zona transitada aparecen varias posibilidades que imos descartando por ir á contra da nosa dirección, por ter moita pendente, ou sobre todo por estar bloqueado pola vexetacion.

Intentamos hoxe atopar algún sendeiriño novo para sair de Pontevedra, pola zona do Marco adentrémonos nun pequeño regato que alí chega pero o carreiriño desaparece entre longas herbas, así que tomamos a pista que vai pola zona elevada de Lusquiños ata Tomeza. A continuar, tomamos prestado o camiño xacobeo para desviarnos á Canicouba. Despois dun descenso prolongado por unha ruta ameazada polo toxo, pero de libre tránsito, chegamos ó regato e a unha das tres? pontes que permiten o paso a Vilar.

Recordamos que é día de caza, buscando camiños novos que nos leven ó Rañadoiro. Na primeira tentativa entramos nunha corredoira-trampa que se vai pechando ata vence-lo noso espíritu aventureiro, vencellado cos primeiros europeos que se abrían camiño a machete no novo mundo. Pero en vez de fouces levamos bicis, e como queira que as silvas e xestas enrédanse nos pedales rodas e manillares, como solución de emerxencia desviámonos por unha finca de carballos que como sabedes non permiten que se enbosquen tanto os montes, ata dar cunha corredoira máis despexada.

Unha vez no Rañadoiro paramos a tomarlle algo na beira dun camiño, o memo tempo que un home con ovellas comentounos algo do expolio patrimonial das cruces e horreos que existían fai tempo nas proximidades.

Chegamos a unha pequena área recreativa cunha curiosa fonte-pedra e unha boa vista da ría de Vigo.

A partir daquí tomamos dirección Coto Agudo, pero en vez de ascender, imos ladeando a serra, para despois botarnos por un descenso agarimoso ata ben cerca da Comboa, máis antes de chegar ó río, iniciamos de novo unha subida cara as terras de Taboadelo, ascendendo finalmente polo Regatiño dos Infernos que directamente nos leva a Chan do Brasil (cruce de camiños), para seguirmos polo bonito e coñecido camiño de Xustáns, polígono  e descenso final por Pintos.

 

 

14 de novembro de 2012. Foxo do lobo, curso medio do Río Almofrei. 52, 5 kms

VER ESTA RUTA EN WIKILOC

O pequeño e vigoroso Río Almofrei ven a ser principal afluente do Lérez. Nace no Seixo e despois de partir en dúas as terras de Cotobade,  entrega as súas augas a carón da vella ponte de Bora. Nos últimos quilómetros descende formando incesantes fervenzas que separan Almofrei de Mirón, en profunda fenda granítica que lle da especial nervio e beleza.

Mais no seu curso medio o río discorre prácidamente agarimoso en límpidas augas entre prados que verdexan as parroquias de Loureiro, Carballedo, Rebordelo e Borela.Hoxe quixemos acompañalo nesta aventura así que nos achegamos a Ponte de Borela.

Unha vez pasada a capela xiramos por unha pequena corredoira que nos achega a Pazos e que forma parte dunha ruta de BTT.

Un lixeirísimo desvío lévanos por un camiño empedrado e cheo de auga, que sería anticipo da constante que máis arriba iamos sofrir e disfrutar.

Despois de pasar unha pontella onde apreciamos a auga limpa e cristalina pasamos polo Pozo Negro; unha rápida pista diríxenos hacia Carballedo. Nada máis cruzar a estrada chegamos ó punto de partida da ruta de sendeirismo prevista para hoxe. De repente damos conta do paradeiro do horripilante e gigantesco cañón de ferro que fai anos homenaxeaba de xeito desafortunado o antiguo Cañon de Pau que forma parte da historia e do escudo do Concello de Cotobade, usados na loita contra os franceses. Hoxe está no lixo, como deberían estar tódolos cañóns que no mundo hai.Para non estenderme moito tratarei deste asunto noutra ocasión.

O sendeiro ascende suavemente entre carballos e acebos por unha pista un tanto estragada polos tractores, pero conserva grande prestancia. Chega a un lugar que creo recordar se chama Sabugueiro, con construccións abandonadas, anticipo do que máis arriba atopamos no xa coñecido Arufe. Na bifurcación seguimos de frente hacia o Foxo.

Paramos na fonte a repostar enerxías para descender estrepitosamente de novo hacia o noso Almofrei entre prados con vacas que pacen sen alporizarse ante o noso paso.

Tras leves descansos xustos e necesarios para tomar fotos, a xornada vaise facendo bastante fatigosa pola presenza continua de enlousado granítico irregular, que engadido as correntes de auga que a miudo se apropian do camiño vai limando forzas.

Por outra banda, e como compensación, a paisaxe é indescriptible, follato de Carballo tapiza as corredoiras, prácticamente libres de silvas e toxos, muiños agochados, muros mimetizados con musgo verdísimo e a corrente continua do Almofrei como banda sonora e visual.

Pasamos un par de pontellas humildes e despois de moito afanar chegamos por fín o lugar idílico de Ponte Serapio. Non vou comentar nada, vede as fotos.

A partir deste punto a paisaxe vaise afeando, unha pequena duda nun cruce onde aparece unha sinal de BTT pero finalmente ascendemos xá entre eucaliptos por onde indica o sendeiro, unha dura subida en pista forestal nos achega a unha chan herbácea na que nos atopamos de frente coa vista do Coirego.

Unhs lamentables postiños de madeira continúan marcando a ruta entre os toxos, é fácil perder o camiño neste lugar.

No medio dos toxos atopamos un descenso case milagroso que nos leva a outra espectacular carballeira tinguida do marron propio da estación, alí está  o Foxo, a modo de paredes que se van estreitando preparada para lle dar caza ó lobo cun burato profundo no seu ángulo. Esta construcción está semiderruida. Sabemos da existencia doutra similar entre Viascón e Carballedo, e doutra en Barbeira, continuando a ruta da libertade, seguramente hai máis pola nosa comarca.

Xa se ía facendo tarde e para rematar o día temos que subir totalmente a pé por un estreito carreiro ribeteado por toxos ameazantes, por eso cando albiscamos a estrada abandonamos o reino do toxo e descendemos por asfalto hacia a capital. A ruta continúan en descenso hacia Carballedo, outro dia trazaremos esa parte a ver que tal está.

En resumen, unha espectacular ruta de sendeirismo, demasiado técnica para a bicicleta, pero a beleza do entorno compensa con creces o esforzo.

6 de novembro de 2012. Ascenso os infernos. 38,5 Kms.

VER ESTA RUTA EN WIKILOC

Copiamos un pouquiño os primeiros quilómetros dunha ruta colgada en wikiloc polo usuario  kikejungle para sair por San Mauro e as Rías de Abaixo e Arriba. Entre ambas atopamos un curioso entorno.


Despois de deambular polos camiños de Marcón, Pintos, Baltar e Vilarchán iniciamos o mencionado ascenso ós infernos. Nos albores do século XIV, Dante Alighieri doulle forma a unha das obras mestras da literatura universal, A Divina Comedia. Na primeira parte da mesma, o mencionado autor, acompañado de Virxilio, inicia unha particular odisea de descenso ós infernos. Hai nas inmediacións de Tourón un monte rocoso que recibe o nome do Coto dos Infernos. Descoñecemos como un lugar tan elevado e con despexadas vistas dun paraiso que abrangue case toda-las terras de Pontevedra se pode chamar así, cando lle pegaría mellor un nome abundante e socorrido Coto do Ceo. Tamén sabemos dun lugar a escasos quilómetros no fondo do río Verduxo onde está a central hidroeléctrica chamado Os Infernos, que a pesares da súa beleza corresponde a un lugar profundo e de dificil acceso, nesta ocasión damos por bo o nome adxudicado. A ascensión ó coto foi ben dificultosa por subir  pola vía máis directa, en ocasións a pendiente e as pedras soltas fixéronnos poñer pé a terra. En particular, os últimos metros da ascensión hai que facelos andando por un carreiriño casi tapado polos toxos. Unha vez arriba, ruinas de vellas construcción, un vento frio e forte e sobre todo unha espléndida panorámica en varios quilómetros a redonda, o espazo natural das nosas aventuras, divisando o mar das tres rías Baixas, as cidades de Vigo e Pontevedra e as cadeas montañosas trilladas polas nosas rodas: Acibal, Coirego, Seixo, Castelo, Pé da Múa, …

Para rematar non podía fallar un descenso rápido por camiños de Mirón e a Peralba.